De onde vén o meu apelido? O nome do meu irmán, que quererá dicir? Vaites co topónimo, este debe ser denantes dos celtas! E logo ti, nunca te fixeches unha pregunta deste tipo? Nunca quixeches saber por que o lugar onde vives ten ese nome e non outro, o que significa, cantos séculos ou quen llo puido pór?
A Nave das Ideas abre unha nova cadea de produción: A Nave da Onomástica . Velaquí o lugar onde podedes realizar as vosas consultas.
As respostas terán un aval filolóxico. Non iamos nosoutros a contestar copiando do manual, non. Contamos coa colaboración desinteresada de dous dos mellores coñecedores da onomástica galega: Gonzalo Navaza e Antón Santamarina. Un e outro son membros fundadores da Asociación Galega de Onomástica (AGOn). Ninguén mellor ca eles para pór fin a esas controversias e desacougos persoais que puidese xerar a onomástica.
As dúbidas, as suxestións ou as inquedanzas tédelas que nolas remitir ao noso correo (navedasideas@gmail.com). Nós contestaremos canto antes e colgaremos as respostas no blogue d´A Nave da Onomástica.
Que fas aí parado? Resolve as túas dúbidas, escríbenos!